07/05/2013

Unha visión multidisciplinar sobre a crise en Occidente
Este mércores 8 de maio comeza o IX Curso de Primavera que se vai celebrar na Facultade de Humanidades, en Lugo. O tema elixido nesta ocasión é "A crise en Occidente, unha visión multidisciplinar" co obxectivo declarado de estudar e analizar, desde diferentes disciplinas, a crise máis profunda que afecta ao mundo actual. O ciclo de charlas arranca coa intervención de Ignacio Ramonet (director de Le Monde Diplomatique) ás 12:00 h no Salón de Actos da Facultade de Humanidades. Posteriormente intervirán, nas sesións programadas para os días 8,  10 e 20 de maio diferentes profesores de distintas áreas da USC: Filosofía, Filoloxía, Economía, Historia, etc. O ciclo conta ademais coa participación doutros relatores convidados como Carlos Taibo (UAM) ou Federico Mayor Zaragoza (ex director da UNESCO, que intervirá o 17 de xuño).

26/04/2013

Austeridade inversa
Austeridade inversa é aquela que nos leva a bater marcas de déficit e débeda do Estado (no 2012 a débeda pública española incrementouse de 736.438 millóns a 884.416 millóns de euros, un 16,7% segundo Eurostat). Austeridade inversa consiste en recortar e afogar a economía produtiva para transferirlle os cartos á especulativa financeira. Austeridade inversa é aquela que recorta en educación e sanidade para rescatar a unha banca sen obrigarlle a que abra o crédito. Austeridade inversa consiste en despedir traballadores, prescindir da forza produtiva laboral de seis millóns de persoas para dirixilos á pobreza. Austeridade inversa é coa que se dificulta o acceso aos ben básicos mentres se incrementa o consumo e negocio dos de luxo. Austeridade inversa é aquela que se predica ao sol na cuberta dos iates de luxo por aqueles que practican a austeridade moral. Austeros, tamén, na intelixencia.

22/03/2013

FROB: Fondo de Reestructuración Ordenada Bancaria; "ordenada" por quen?
Confírmase que o O de "ordenada" no FROB significa que foi mandada, nada que ver con organizar ou clasificar. A Comisión Reitora do FROB está formada maioritariamente por membros nomeados polo goberno (directores xerais, secretarios e subsecretarios xerais postos por De Guindos) e hoxe comunicou oficialmente que a quita media dos afectados pola estafa das preferentes de NovaCaixaGalicia vai ser do 43%. Trátase da primeira quita, pois o restante 57% será, de momento, transformado en "accións non cotizadas" de NCG. Para o verán os afectados sufrirán outro recorte adicional dos seus aforros, pois prevese que por fin nesas datas poderían convertir esas accións en diñeiro, pero cun valor incluso inferior a ese 57% do que investiran. Canto? Non se especifica, pero o goberno  hoxe anunciou que a banca terá que poñer uns 1500-2000 millóns de euros para finalmente pagar ás vítimas destes produtos. Como o propio goberno estima que en realidade hai uns 8000 millóns de euros retidos nestas preferentes e subordinadas é plausible estimar que o que poidan recuperar finalmente se limite ao 25% dos aforros iniciais (2000 de 8000). Ou sexa, perderían un 75% de media. Sen dúbida moita xente amosarase enfadada por esta quita, entre eles escoitaremos a moitos cargos orgánicos do Partido Popular, excusándose en que as cousas veñen dadas así, pero que "se por eles fose os afectados recuperarían a totalidade dos seus aforros". Tamén hoxe escoitamos ao reitor da USC, no Claustro, defenderse co mesmo fío argumental, as contas económicas veñen dadas, en realidade el mesmo e todos os claustrais están en contra dos recortes impostos. Aquí todos somos uns mandados sen capacidade para decidir. As cousas xa veñen ordenadas, por quen?

21/03/2013

Escachando a paz social
Nos últimos días asistimos a unha sucesión de protestas que levaron á suspensión de plenos en varios concellos, das reunións dos consellos de goberno das universidades de Santiago e Vigo, ao "escrache" de cargos públicos, etc. Incluso a axencia de riscos Standard and Poor's cualificou tecnicamente a alerta como "perigo dunha explosión social". En realidade se o deterioro da situación económica non se detén nin revirte, o enfado aumentará conxugado cun número crecente de persoas coa perspectiva de absoluta falta de futuro. Dese caldo dificilmente pode saír algo bo. A cuestión subxacente é cales son as maneiras que inciden no incremento da temperatura dese caldo. Por exemplo, enfada máis a discusión dos tertulianos nos medios de comunicación que centran o debate en se todos os afectados polas preferentes foron estafados ou non, ou subiría máis ou menos a temperatura se mudaran o discurso para preguntarse as razóns polas que non hai na cadea ningún dos responsables da estafa (pois hai un acordo en que alomenos unha parte -senón a práctica totalidade- dos preferentistas efectivamente foron estafados).

20/03/2013

Antoloxía do Vbsurdo (II): O tiroliro dos homes de negro
Xuntáronse os tres nunha esquina, abriron a petrina e puxéronse a mexar. A ritmo de tiroliro popular foron chegando. Os homes de negro xa están aquí, entre nós. Imaxinade a De Guindos sentado no Consello de Ministros, amosando co punteiro láser a gráfica cos datos inapelábeis: sen dúbida o uso do Internet Explorer ten unha incidencia directa no número de accidentes mortais nas estradas. A correlación é asombrosa e irrefutábel. “Que chico mash lishto”, dise Rajoy para os seus adentros, suspirando devoción polos tecnócratas, eses homes de negro que un día arguméntanche que vivíramos por riba das nosas posibilidades, malgastando; ao día seguinte, sen ruborizarse, sóltanche que hai que gravar o aforro, por aquilo de incentivar o consumo. Valen para un roto e para un descosido. Non sería extraño que na roda de prensa do venres, posterior ao Consello, un día lle preguntaran ao Ministro de Competitividad a súa opinión sobre a suba do prezo do gasoil e respostara que non hai tal incremento pois el gasta o mesmo: “Sempre lle boto 20 euros”. Un crack, por algo veu de Lehman Brothers. Nós temos os nosos homes de negro ben preto. Feijóo posúe unha ampla bagaxe como tecnócrata. Foi xa artífice “da viraxe de Correos dende o servizo público monopolístico cara a libre competencia empresarial”. Pero ademais de privatizar Correos, xa antes conseguira disipar o INSALUD. Outro crack. Cando o xornalista lle preguntase se lle preocupa que se acaben as pensións, respostaría que non, total el sempre vai a hoteis. O terceiro dos homes de negro é o conselleiro de Educación e Cultura, importado directamente de Alemaña. A Jesús Vázquez (Nuremberg, 1967) se lle preguntasen sobre o pago dos menús escolares podería xustificalo como unha medida social e progresista. Arriba do tiroliroliro, abaixo do tirolirorairo.

19/03/2013

Comprar, tirar, comprar
“Un produto que non se desgasta é unha traxedia para os negocios”, esta é idea xerme da obsolescencia programada a finais dos anos 20 do século pasado. Dende entón a tecnoloxía ten evolucionado dabondo como para deseñar impresoras que se bloquean ao chegar a un determinado número de copias, lámpadas que se funden despois de estar accesas un certo número de horas, baterías que morren aos 18 meses de ser estreadas, etc. Produtos feitos para non durar. O documental “Comprar, tirar, comprar” (Cosima Dannoritzer, 2010) aborda a obsolescencia programada dende as súas orixes ata converterse en motor da sociedade de consumo. Aconsellamos velo enteiro a aqueles que aínda non o coñezan pois forma unha introdución previa axeitada para a charla-debate sobre os límites ao crecemento económico indefinido queorganizamos mañá 20 de marzo en Lugo.

18/03/2013

La surconsommation
Como xa anunciaramos este mércores 20 imos debater sobre os límites ao crecemento económico indefinido. A ausencia de crítica xunto coas inercias leváronnos a vivir coa impresión de que tiñamos ao noso alcance todo o que desexaramos. Sen límites aparentes a sociedade estábase "enriquecendo" no sentido de dispor de cada vez máis produtos de consumo. A crise económica veu truncar dalgunha maneira esta situación, para moita xente a accesibilidade a eses produtos é agora menor. Mais aínda non mudamos o modelo nin reflexionamos sobre cales son as súas consecuencias. La surconsommation é un vídeo de seis minutos articulado con imaxes e música, a mensaxe chega sen palabras pero amósanos cruamente parte da trastenda que sustenta o noso modo de vida. De seguro non deixa indiferente, tras velo queda certa congoxa pola similitude entre as granxas industrializadas de animais... e as humanas. O máis inquietante é que o devalar da crise diríxenos cara o fortalecemento deste modelo.